Tuesday 19 de March de 2024

Os colexiados da Coruña e Ferrol volven unirse para homenaxear a San José tras dous anos de parón pola covid-19


· A cita, á que acudiron 200 persoas, serviu para entregar as insignias de prata e ouro aos profesionais que cumpren, no 2022, 25 e 50 anos de profesión, respectivamente.

Tras dous anos de parón pola covid-19, os colexiados da Coruña e Ferrol volveron reunirse para homenaxear a San José, patrón dos enxeñeiros técnicos industriais. Coeticor celebrou onte a súa tradicional cea de confraternidade, que contou coa participación duns 200 asociados da sede da Coruña e da delegación de Ferrol.

O evento serviu para entregar as insignias de prata e de ouro a 58 ITIs que cumpren, no ano 2022, 25 e 50 anos de traxectoria profesional, respectivamente. Durante a cita entregáronse, así mesmo, dúas dos tres recoñecementos ao mérito colexial deste ano: un foi para José Losada Rodríguez e outro para Lucía Bouza Chao.

O decano de Coeticor, Macario Yebra Lemos, aproveitou a ocasión para felicitar aos colexiados homenaxeados e para agradecerlles o seu compromiso coa profesión: “a enxeñería técnica industrial é, sen dúbida, un dos oficios máis próximos á cidadanía e, como tal, require dunha profesionalidade, esixencia e dedicación que todos estes colexiados demostraron ter”.

As persoas asistentes puideron gozar, ademais, dunha actuación musical a cargo dun grupo de gaiteiros e da exposición Mujeres Enxeñeiras de Éxito, que se exhibía nunha das salas do recinto. A mostra, conformada por unha vintena de paneis expositivos, xorde do compromiso da UAITIE e de Coeticor por reducir a brecha de xénero na profesión e visibilizar o papel dalgunhas mulleres referentes dentro do sector.